(Escrito en Galego)
Este post está relacionado ca macroeconomía. Supoño que todos escoitamos falar algunha vez do PIB (Producto Interior Bruto). É o principal indicador para medir o nivel de actividade económica dun país, e defínese coma o “valor monetario da produción final de bens e servizos dun país durante un determinado periodo (xeralmente un ano)”. Pois ben, anque existen varios métodos para calcular o PIB dun país, un deles dinos que se calcula con esta fórmula:
PIB = C + I + G + (X – M)
“C” é o consumo privado, e dicir, a suma dos bens e servizos mercados polas economías domésticas nese periodo de tempo.
“I” representa o investimento. Son os bens adquiridos polas empresas para incorporalos ós seus procesos produtivos.
“G” é o gasto público. É a cantidade de diñeiro público destinada ó consumo ou investimentos en bens e servizos durante ese periodo de tempo.
“(X - M)” é a diferencia entre o que un país exporta (o que vende a outros países) e o que importa (o que ten que mercar a outros países). Canto maiores sexan as exportacións (“X”) e menores sexan as importacións (“M”), maior será o PIB.
Dito isto, imos a entrar en materia. Partimos da base de que España ten un grave problema na actualidade. As taxas de crecemento do PIB nos últimos cinco anos foron cercanas a “0” e incluso negativas e isto xerou graves problemas (necesidade de recurrir á deuda pública, altas taxas de desemprego,...). Imos facer unha breve analise da situación para atopar unha posible solución.
Temos que o noso obxetivo é aumentar o PIB. Para iso, seguindo a fórmula anterior, temos varias opcións:
1.- Aumentar “C”, e dicir, o consumo interno. O problema é que as familias están moi endebedadas e a súa capacidade de aforro caeu fortemente nestos últimos anos (a excepción do máximo histórico do ano 2009 derivado do gran aumento do paro e do medo a perder o traballo). Na actualidade, vexo inviable que “C” poida aumentar a corto prazo.
2.- Aumentar “I”. A contración da economía, o baixo consumo interno e a ausencia de crédito non posibilita un aumento nos investimentos. Non é viable aumentar “I”. ¿Ou si?. Xa o veremos un pouco máis adiante.
3.- Aumentar “G”. ¿Fai falla explicar este punto?. Témome que non. Co actual programa de recortes do goberno, o aumento do gasto público terá que esperar uns anos.
4.- Aumentar “(X-M)”. Vexamos. Isto sinificaría reducir as importacións, aumentar as exportacións ou ámbalas cousas. O problema é que en España, históricamente, as importacións sempre foron maiores cas exportacións. Tendo en conta que é moi difícil reducir as nosas importacións debido a nosa dependencia, básicamente, das compras de enerxía e tecnoloxía industrial, a miña pregunta é a seguinte: por qué non podemos aumentar as exportacións?. Non sabemos vender ou non hai naide que merque?. Para que temos embaixadas de Comunidades Autónomas, Instituto de Comercio Exterior e demáis organismos?. Están infrautilizados?. Saben as nosas empresas cómo exportar?.
Se conseguísemos un aumento nas exportacións, habería un aumento no PIB español, e isto xeraría unha situación propicia para que as empresas tivesen que aumentar a súa produción e, por tanto, realizar investimentos, volvendo a xerarse así un aumento do PIB. Sinxelo?. Parece ser que non. Temos un dos mercados potenciáis máis grandes do mundo, que é Latinoamérica, con medias de desemprego do 6,5% e de crecemento estimado para 2013 do 4%, no que os produtos españóis son moi apreciados pero no que aínda queda moito por facer; estamos na porta de entrada ó continente africano e somos o seu punto de unión con Europa; somos un país con máis de 3000 kilómetros de costa e algúns dos máis importantes portos de Europa; temos 52 aeroportos (13 máis que en Alemania). Pero só sabemos vender sol e praia porque non require nengún esforzo. Creo que o Goberno debería de tomar todo isto un pouco máis en serio porque témome que é unha das poucas solucións para sair desta situación na que nos atopamos.
E resumo todo isto dicindo que España é o primeiro produtor mundial de aceite de oliva pero cando viaxas a outro país e preguntas: qué coñeces de España?. Contéstanche que casi nada. Díceslles que si coñecen o aceite de oliva e responden: o aceite de oliva non é italiano?.
No hay comentarios:
Publicar un comentario